martes, 29 de enero de 2008

Valoración das páxinas

IMARGÍNATE

A miña máis sincera noraboa aos Cans de Reservado pola súa páxina, pois paréceme de todas a máis orixinal, divertida e completa. Unha das súas grandes ventaxas é que o contido pode seguir actualizándose case eternamente, pois a inadaptación é un tema que non se pode nunca abranguer por completo. Penso que a páxina está moi ben estruturada e a navegación é sinxela, sobre todo porque pódese voltar ao inicio con facilidade dende calquera punto. En canto á estética, moi currada e vistosa coma corresponde á temática, unha iconografía exclusiva que dota á web de moita personalidade.

Poucas pegas se lle poden poñer a este traballo. O único, a falta de contidos nalgunhas seccións (perfectamente comprensible porque todos sabemos o tempo que tivemos) e un pequeno detalle: esqueceron poñerlle nome aos documentos.

A miña valoración: 9,5

THE SICK ROOM

Con esta páxina de torturas á carta tamén pasei un bo rato. Está claro que a súa aposta é a orixinalidade, e deron no cravo porque paréceme difícil non sorprenderse co seu contido. Ten moito valor que todo o que vemos está ideado e fabricado polos propios creadores, aínda que á media hora de navegación xa viches a páxina enteira con todas as súas opcións, como dixen antes o tempo xoga na nosa contra e a posibilidade de ampliar contidos está ahí.

Segundo o ordenador no que acceda, ás veces tarda un pouquiño en cargar, e tampoco me parece moi cómodo ter que usar scrolls horizontais para acceder aos contidos, pero son problemas menores comparados coa posta en escena: a estética xeral paréceme moi acertada, dende os fondos até os botóns animados. Ao único que non lle vexo moito sentido é á sección de galería, que presenta moi poucas fotografías e as que aparecen é moi difícil comprendelas.

En xeral, polo arriscado da proposta e o traballo que hai detrás, paréceme un moi bo traballo. Eu doulles un 8,5


UNIVERSO SAP

O máis salientable desta páxina é, na miña opinión, a elaboración dos debuxos e as animacións en flash, dun estilo moi persoal e simpático, que é o único que da unidade a toda a páxina. Pese a que dende a portada xa se nos da a entender que estamos diante de tres universos totalmente distintos, en ningún momento queda claro: botei de menos unha explicación de que era todo aquilo, o por que desa división, quen é quen e por que escolleu os contidos do seu universo.

A navegación é sinxela, é doado saltar dun mundo a outro e iso se agradece, pero igual que cos contidos, ás veces é difícil identificar en que punto da páxina te atopas. En canto á estética, paréceme que a tipografía e os debuxos “se matan” un pouco, son totalmente dispares, unha tipografía un pouco menos convencional tería acompañado mellor aos contidos.

En definitiva, penso que a esta páxina lle falta un pouco de traballo en grupo para que teña unidade. A miña valoración: 6

OS FEITIZOS DA MEIGA

Os contidos están ben, pero botei de menos algo un pouco máis audiovisual: ter que ler todo o rato na pantalla cansa moito, tería estado ben contar con algunha imaxe ou vídeo. En canto á estrutura e a navegación son doadas e sinxelas, pero faise un pouco repetitivo topar sempre coa mesma imaxe vaias onde vaias. A tipografía e as cores penso que pegan coa temática, pero ao ter que ler todos os contidos, o laranxa sobre negro termina por cansar moito os ollos.

Destacaría a portada e as pequenas animacións decorativas, que son o que máis me chamou a atención, pois é o único que lle da un pouco de movimento á páxina.

Nota: 6

DIVISIÓN PAQUITO

Paréceme outra das páxinas que máis arriscou en canto ao contido, querendo facer unha reconstrucción satírica da morte deste personaxe tan indeseable. Conta con contidos con moita gracia, como poden ser os vídeos dobrados ou os politonos. A navegación é moi cómoda gracias ao menú sempre presente, pero a estrutura paréceme un pouco caótica, non vexo orde nos contidos posto que ao principio deberían aclarar que é o que estamos a ver, de que trata esta historia. A estética xeral da páxina penso que podía ser un pouco máis irónica, pois quizáis poida levar a equívocos entre os internautas alleos ao propósito do traballo. A tipografía dos textos non é demasiado clara e costa un pouco lelos, pero en xeral pareceume ben.

A miña valoración: 7

ELLLA TV

O máis destacado desta web é a invención dunha serie inexistente e a elaboración de vídeo e de animacións flash. Se atendemos á temática a páxina é correcta e o seu funcionamento adecuado, cunha navegación cómoda e uns contidos axeitados. O que menos me gustou foi a estética da páxina: penso que podería estar un pouco máis traballada para así acadar unha estética persoal que realmente puidese identificarse coa serie. Botei de menos máis fotos nos capítulos e das protagonistas, e unha sección fans máis ampla. Pero a páxina ten moita unidade e se nota que hai un traballo detrás.

Nota: 7

GELATINA

Al igual co traballo anterior, penso que os contidos desta páxina resultan axustados á súa temática, pero non así a estética. O fondo estampado que predomina apaga a forza dos debuxos e iconas, e é unha mágoa. A tipografía tamén paréceme demasiado convencional para tratar unha marca de moda que debería ter unha identidade visual moi subliñada. A navegación é unha das súas mellores achegas, moi cómoda e doada.

O mellor: a animación da xelatina. O peor: o fondo. Doulles un 7

NICOTINA NO CONDÓN

A páxina é moi clara e navegar por ela sinxelo, a estética en branco e negro, contundente e penso que axeitada, a tipografía é orixinal e axústase á temática, as iconas tamén aluden directamente ao tema... o único que para min coxea son os contidos, pois tratándose dun grupo de teatro bótase de menos algún contido máis audiovisual: algún vídeo de actuacións, máis fotografías, etc.

Nota: 6

TUNIC_A_REVISTA

En principio entendín que esta páxina pretendía ser unha sorte de crítica cara ás revistas de mulleres convencionais. Se non estou enganada, paréceme un obxectivo interesante pero penso que as chicas de Tunic quedaron un pouquiño cortas na ironía, pois se non afondas moito nos contidos a páxina pode pasar perfectamente por unha revista normal (quizáis esa era a intención...). Tendo en conta que os contidos están pensados para ser renovados con asiduidade, están ben. A navegación da páxina tamén é moi doada grazas ao menú sempre presente na parte superior. En canto á estética, paréceme un dos traballos máis logrados neste aspecto: verdadeiramente acadaron un estilo propio con moita forza, que non pasa desapercibido e é perfectamente recoñecible e identificable coa marca que crearon. As cores e as tipografías do logo e os menús destacan moitísimo, quizáis onde perde algo de forza visual é nos contidos. En xeral paréceme un moi bo traballo, só hai unha cousa que non entendo: por que a páxina sal desprazada uns cinco centímetros á dereita?

A miña valoración: 8,5

NUESTROS 90

É imposible non poñerse algo nostálxico cos contidos desta páxina, moi representativos da época escollida, pero tamén moi dirixidos a xente de certa idade. Como eu nos 90 xa estaba máis preto da adolescencia que da nenez, probablemente poría outras cousas. O que si me parece un acerto é a estética da páxina, que verdadeiramente responde á intención das autoras de tornar á idade infantil e rescatar uns recordos xa case esquecidos, aínda que penso que non tiveron en conta que as cores na pantalla son moito máis estridentes que as dos lapiceiros e ás veces chegan a cansar moito tantos fosforitos. Outra cousa que me gustou foi a tipografía, e non por estética (personalmente paréceme moi fea) senón porque penso que tamén responde moi ben a esa época, na que Internet estaba coma quen di en cueiros e, se non me lembro mal, esta foi unha das tipografías máis trilladas da web. A navegación é correcta, está todo moi ben indicado e de fácil acceso.

Nota: 7,5

Quédanme dúas webs sen comentar: despercepcion galleries e Wally Street, Compostela, porque as ligazóns non funcionan.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Grazas Ireth? polo esforzo de revisión e valoración. E tamén pola autocrítica. Estaría ben saber a quen corresponde cada seudónimo, se os usades.
mol